En Catro Ventos somos persoas ciclousuarias; algunhas, dende hai xa tempo; outras somos ciclistas máis recentes e, aínda que empregamos a bicicleta en determinados momentos da nosa vida, en lugares e contextos distintos, estamos tentando reincorporar ese uso á nosa vida actual. E se é tan ben sabido que estabamos a falar dun medio de transporte saudable e ecolóxico, democratizador e amigable, por que non andamos máis nel? Por que adoitamos velo hoxe en día máis como un obxecto deportivo, xa sexa de estrada ou de montaña?
En Catro Ventos Editora adoitamos dar voz a outras persoas que nos axudan a reflexionar, aprender e mellorar. Desta volta, decidimos asumir nós a autoría para abordar este tema que sentimos tan próximo. Iso si: imos en boa compaña. O xornalista Carlos Risco, o experto en mobilidade Daniel Díaz e a socióloga Iria Vázquez colaboran con tres textos seus: «Bicicleta e rural: coñecer a provincia», «A bicicleta na Galicia urbana» e «Mulleres Bicivisíbeis. Ocupando o espazo que nos pertence». Tamén nos acompañan diferentes colectivos e persoas ciclousuarias que entrevistamos para coñecer de preto o estado da bici en sete cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
As bicicletas si son para Galicia aborda o uso da bicicleta dende un punto de vista poliédrico: ecolóxico e ecoloxista (como alternativa aos vehículos contaminantes), de mobilidade sustentable (como elemento transformador da nosa relación coa contorna, non só nas cidades senón tamén no rural) e feminista (como ferramenta apoderadora).
Reseñas
Aínda non hai valoracións.